mércores, 13 de xaneiro de 2016

O Muiño do "Piepito"


Tanto Pepe como Pepita, non se imaxinaban que o seu alcume “Piepitos” chegara tan lonxe no tempo.

O muiño do Piepito, antes de deixar de ser tal.



A invención das maquinarias para a moenda de cereais foi unha das conquistas tecnolóxicas máis significativas na historia do ser humano. Inicialmente comezouse con máquinas movidas a man, logo aproveitouse o traballo físico dos animais, e posteriormente foi substituído pola enerxía da auga ou do vento. 

A nosa zona xeográfica, aproveitando o paso do Arnoia e os diversos regueiros que a el van a dar, era bastante rica neste tipo de industria transformadora, e practicamente un dos únicos negocios existentes, aparte dos arrieiros, carreteiros e pouco mais.


Presa chea



Os descendentes dos “Piepitos”, que xa tiñan algún negocio, ávidos de amplialos, fixáronse neste muíño, que estaba medio en ruinas. Finalmente mércano, en Abril de 1939 entréganlles as chaves, comezando un arduo traballo de restauración, póndolle trabes novas e tendo que facer as rodas pois as anteriores estragáranse. As pedras do pé do millo trouxéronas do monte Cubreiro. As do pan ou centeo, mais finas, viñeron da zona de Vilar de Barrio, en carros de bois. As moas superiores de pedra branca foron mercadas en Francia. Como na familia non se tiña a experiencia necesaria, botouse mao de algún profesional da época, como o señor Domingos do Pazo e o señor Matulete da Esperela. 



A comporta para desviar a auga cara o rodicio.


O bisavó Antonio foi deixando as cousas en maos dos seus fillos, sendo Xosé o novo “Piepito”, o que se foi quedando con el comprando a parte dos irmaos. Pero a seguinte xeración viña puxando con forza e Manolo, que era moi emprendedor e decidido, dedicouse de pleno a este cometido, e aínda sendo moi novo, conseguiu afianzarse a fronte do muíño, logrando unha gran clientela e chegando a moer de noite.



A vaira, véndose o muiño e presa no fondo.

O muíño por herdanza, pasaría a maos de Benita á quen mais tarde llo compraría Manolo, que xa andaba polo Brasil, sendo Gerardo quen o atendería finalmente ata o peche definitivo cando deixou de ser xa un negocio rendible, pondo sempre en practica a súa habilidade para mellorar os diversos mecanismos.






Manolo e Gerardo saíndo do muiño.



Despois da mili, tiña xa novos horizontes, polo que foi pondo ao tanto a súa irmá Benita e a o seu irmao Gerardo, sendo este quen, pola marcha dos seus irmaos Manolo e Arturo, pasaría a herdar o sobrenome da familia. 


Manolo con Rosa Elena e "Venus" no camiño do
muiño, na súa ultima visita o muiño dos seus amores.


Tralo paso inicial de Benita, Gerardo tomou o coidado da herdanza do seu irmán, como se fose a propia, conseguindo mellorar aínda mais algunha das usuais tarefas do muiñeiro, facéndoa mais doada.






Manolo con un saúdo que parece premonitorio.


No ano 1984, Manolo fixo a última parada no seu muiño, pouco antes de deixarnos pola súa inesperada e prematura marcha cara o mais alá.  






Gerardo axudando a recoller a fariña

Aínda recordo cando de neno me mandaba a nai co xantar na tarteira para que o pai puidera aproveitar a escasa auga que xuntaba a presa neses meses en que era escasa.

A auga que soltaba o rodicio do Marcial, tiña que ser empregada xusto despois, non deixando que marchara en balde e poder moer unha saqueta mais para algún cliente da Esperela, quizais de Pumares ou da Pousa.


Gerardo durante a entrevista do xornal



Ou aquelas noitiñas que aproveitaba para picar a roda a luz do candil de carburo, xa que comezaba a tempada do millo verde e tiña que estar a punto.
E cando me mandaba baixar a xirar o rodicio lentiño para poder aliñar ben o eixo ca pedra.


Aquelas épocas que queríamos ser “grandes” demostrando que podíamos xuntar a fariña de todas as artesas e cargar algún burro con un saco que nos costaba levantar do chan. 




Foto no xornal "La Voz de Galicia" 2 de maio de 1993
No ano 1993 a Gerardo como coñecedor do que era un muiño, ofreceuselle facer de guía no restaurado muiño alaricano do Burato. Mostrando a súa maquinaria aos visitantes e pondo a moer de vez en cando.






Cando a rendibilidade do muiño caeu en picado e a Gerardo as forzas non lle permitiron continuar co seo labor, comezou o declive de este muiño. 


Unha vez que quedou pechado, converteuse nunha presa fácil para os amigos do axeno, rompendo portas e ventás, comezando a ser lugar habitual para malas costumes, chegándose a detectar a presenza de xiringas no interior....


Visto que podería ser un problema, buscouse unha solución alternativa para evitar o seu deterioro, xa que cada dia que pasaba mais precisaba un mantemento para que non se caera. 
Nesta época, anos 90, era xa o seu irmao Arturo o que se afanaba en buscar unha saída digna para este muíño, que tanto traballo dera aos seus devanceiros para polo a funcionar.

Interior do muiño antes de estragarse

Despois de petar nas portas de políticos e institucións, incluso coa finalidade de cedelo ao concello para a súa restauración e aproveitamento, e dadas tantas negativas como intentos, para non sufrir mais vendo que se podía vir abaixo, decidiuse a vendelo ou case regalalo, xa que os herdeiros de Manolo non podían facerse cargo.

Chegouse a un acordo de venta para restauración, pero non chegou a bo fin, por problemas familiares dos compradores. Isto fixo que todo se complicara e fose pasando por distintas vicisitudes ata que acabou en outras mans. 

Unha das rodas do "Pan" Centeo


O destino fixo que este pasase as maos de alguén, que ao non ser da familia, non lle ten o cariño necesario nin o respecto polo traballo dos nosos antepasados, destruíndo totalmente a alma de este ben ao que todos debéramos honrar, en lembranza ao traballiño e sufrimento que outros pasaron para mantelo en pé, este símbolo da bisbarra, o chamado Muíño da Ponte da Pedra, o muíño do “Piepito”.









Este muíño tiña 4 rodas para a moenda, 2 para o millo e outras 2 para o “pan” centeo, trigo ou cebada. Ademais tamén dispoñía dunha peneira mecánica para separar a fariña dos farelos que podía ser accionada mecánica ou manualmente.


Rodas ciscadas




Os que aínda sentiamos algo pola "alma" de este ben que se estaba perdendo, sentiamos unha grande dor cada vez que nos pasábamos polo seu arredor. Viamos como se estragaba todo aquelo co que conviviramos poucos anos atras.
Aquelas rodas que vimos picar unha e outra vez, sementadas polo inferno e arredores ou os rodicios dando voltas pola contorna.




As rodas "francesas" enriba do rodicio.






Serva esta pequena mostra para que cousas como estas deixen de ser algo cotiá, e nos concienciemos de coidar aquelo que outros nos deixaron.




Tamén quixera que serva de homenaxe ós meus devanceiros que tanto loitaron para polo en camiño, especialmente ó "PIEPITO" Gerardo que me toca mais preto.